domingo, 30 de xullo de 2017

Preparando o mes de agosto

Eventos importantes de agosto 2017

  • Día 7: eclipse penumbral de lúa
  •  Noites 11-12 e 12-13 máximo das perseidas
  •  Día 21: eclipse parcial de sol

Eclipse penumbral de lúa

A eclipse é penumbral, é dicir a Lúa pasa pola sombra difusa da Terra (e non pola sombra ben definida), así que case non se vai notar. Ademais o nacemento da lúa, ás 21:47h, coincide coa fase final da eclipse. Podedes ver a simulación usando este programa para android: https://play.google.com/store/apps/details?id=calcEclipsi2.src


As perseidas:

Neste vídeo de youtube cóntanche todo sobre a choiva de estrelas "as perseidas": https://www.youtube.com/watch?v=6oo_uPgXhJc&feature=youtu.be

Este ano a luz da lúa vai molestar bastante. A lúa nace ás 23:53h a noite do 11 ao 12 e ás 0:25h a noite do 12 ao 13. Así que este non é bo ano para ver as perseidas. O máximo da choiva está previsto para a noite do 12 ao 13.

Se decides saír pola noite a ver as perseidas, estas son as miñas recomendacións:
  • Busca un sitio sen contaminación lumínica e a poder ser resgardado do vento.
  • Nunca nunca vaias só, sempre en pandilla (pásase mellor, e ir só pode resultar perigoso. Por exemplo, pensa que andan por alí un par de cans,...)
  • Abrígate ben, coma o día máis frío do inverno (mesmo con gorro e calzado pechado)
  • Hamaca ou silla ou, "saco de durmir" ou mantas "vellas",..., algo para estar comodamente tumbado e non coller "tortículis" (non esquezas algo que che poida servir de almofada).
  • Sitúate na dirección NE-SW (onde poñer os pés e a cabeza é a gusto de cada quen)
  • Termo con chocolate, cacao, café,..., ao gusto.
  • Non está demais levar lanterna (de luz vermella, pode servir cubrila con celofán vermello)

Eclipse parcial de Sol do día 21 de agosto

A eclipse parcial comeza ás 20:43h (hora oficial) e o máximo do 13'8% (para nós) é ás 21:19h, xusto 4 minutos antes do solpor.
Sempre pode haber unha nube molesta, no horizonte, que non nos deixe ver a eclipse.

Recomendacións:
  •  Subir a un lugar elevado (á Curota, ó Mirador da Pedra da Rá, ó Castro da Cidade,...) e levar boa compaña.
  •  Abrigarse (nos lugares altos sempre corre ventiño, que resulta mesmo desagradable cando estás parado, e nada de chanclas nin sandalias).
  • Non mirar directamente ao sol ( levar medios de autoprotección  como gafas de eclipse, cámaras de proxección, filtros solares,...)
  • Estar atento as convocatorias das asociacións astronómicas da zona (dispoñen de medios de observación).
Se queres fabricar un utensilio que emprega o efecto "pinhole" para ver a eclipse con seguridade podes atopar aquí as instruccións:

O malo é que para nós (en Galiza), o sol xa vai estar bastante baixo no horizonte. É máis axeitado para unha ubicación máis ao oeste (coma Norte América) onde o sol vai estar "máis alto".

A NASA vai retransmitilo en directo, máis información aquí:
https://www.jpl.nasa.gov/edu/events/2017/8/21/total-solar-eclipse-aug-21-2017/

Que o bo tempo nos acompañe!


Tamén podedes consultar nestes vídeos o que se ve no hemisferio norte no mes de agosto:

A simple vista:



Con prismáticos e/ou telescopio:




Máis información sobre a choiva de estrelas das perseidas:
https://elpais.com/elpais/2017/08/09/ciencia/1502293443_893560.html

Información da NASA:



O único evento do que teño noticia para a observación das perseidas, é un anuncio na Voz do Barbanza, dun barco que sae de Ribeira a Sálvora e que custaba 35€ por persoa.
Non sei de ningunha asociación que organice un evento para observar as perseidas (polo de agora).


A eclipse parcial de sol do luns 21 de agosto

Un bo sitio para vela é o Mirador da Pedra da Rá ( en Ribeira, ou calquera outro lugar onde vexamos meterse o sol no mar).
Hora para estar no lugar de observación, 20:30h (a eclipse comeza a iso das 20:43h)
Que o bo tempo nos acompañe (tendes links a páxinas de previsión do tempo, en Ribeira, na columna da dereita)
Remate do evento (ao solpor)
De haber algunha convocatoria das asociacións astronómicas locais, de Ribeira, poñeríao aquí.



Para saber máis de eclipses solares

Recomendo a revista Investigación y Ciencia do mes de agosto de 2017. Ten 3 artigos interesantes, o máis chamativo é o último:
  • El gran eclipse de 2017
  • El eclipse del 21 de agosto en Latinoamérica
  • Mil Años de eclipses solares
(En tódolos xornais, revistas, noticieiros,..., falan da eclipse do 21 de agosto)

Ata seleccionan música para escoitar durante a eclipse:

(Enlaza a 10 vídeos en youtube, ...)


Se queres saber como facer unha foto da eclipse

A foto, desde Galiza, non vai ser dificil xa que se produce ao solpor. Pero unha boa recomendación é apoiar o móbil ou empregar trípode e usar axustes manuais para escurecela un pouco. Tamén serve poñerlle gafas de eclipse ao móbil.

Cámara de proxeccion caseira para ver a eclipse. Publicado en el Pais:





Actualizado o 21/08/17

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Efemerides de marzo 2020

Efemerides resumidas para marzo de 2020 SuperLúa do 9 ao 10 de marzo: Lúa chea o 9 ás 18:48 e mínima distancia á Terra, 357100Km o 10 ...