sábado, 9 de novembro de 2019

Tránsito de Mercurio o 11 de novembro de 2019

TRÁNSITO DE MERCURIO

¿Que é un tránsito?

Un tránsito é o paso dun planeta por diante do disco dunha estrela (se en perspectiva, o tamaño aparente do planeta fose do mesmo tamaño aparente que a estrela estariamos falando de “eclipse”; se o tamaño aparente do planeta fose moito máis grande que o da estrela, estariamos a falar de “ocultación”; se o tamaño aparente do planeta fose moito máis pequeno que o da estrela estamos a falar de “tránsito”).
Desde a Terra pódense observar tránsitos de Venus e de Mercurio sobre o disco solar. (Ultimamente converteuse nun método de descubrir exoplanetas, detectando, de algunha maneira, os tránsitos dos exoplanetas sobre as estrelas á que orbitan).
(Os tránsitos de Venus son máis raros: os últimos foron en 2004 e 2012 e non se agarda outro ata o 2117. Ocorren en grupos de 2 separados por 8 anos e entre grupos transcorren 105,5 anos e 121.5 anos para o seguinte tránsito).

¿Cando?

Os tránsitos de Mercurio ocorren cando a Terra-Mercurio-Sol están en liña recta. Como as órbitas de Mercurio e a Terra non están no mesmo plano (os planos das órbitas córtanse ao redor do 8-9 de maio e 10-11 de novembro) e tense que dar a circunstancia de que a Terra e Mercurio estean xusto alí ao mesmo tempo. Isto ocorre unhas 13 ou 14 veces por século.
Tránsitos de Mercurio para este século (fonte wikipedia) (en vermello os que non son visibles desde Ribeira, Galicia.):
7 de maio de 2003
8 de novembro de 2006
9 de maio de 2016
11 de novembro de 2019
13 de novembro de 2032
7 de novembro de 2039
7 de maio de 2049
9 de novembro de 2052
10 de maio de 2062
11 de novembro de 2065
14 de novembro de 2078
7 de novembro de 2085
8 de maio de 2095
10 de novembro de 2098




¿Onde podo atopar información para meu lugar?

Hai un moi bo simulador de eclipses e tránsitos para móbil android (coa colaboración da Universidade de Barcelona), que é este:
Para ordenador, podedes descargar este programa de astronomía:

¿Como observar o tránsito?

Non é visible a simple vista (Mercurio é demasiado “pequeno”) e non podemos mirar directamente ao Sol (e con gafas de eclipse non se ve).
A mellor maneira e máis segura é empregar unha “pantalla de proxección”, pero hai no mercado un aparello especialmente deseñado para a observación de: manchas solares, eclipses de Sol e tránsitos de Mercurio e Venus, é o “solarscope”.
Co solarscope  “educativo” observamos o tránsito de Venus o 8 de xuño do 2004 e, aproveitando os claros entre nubes, o tránsito de mercurio do luns 9 de maio de 2016.

¿Como se ve?

No solarscope educativo, se a imaxe do Sol ten un tamaño de 115mm, Mercurio tería un tamaño de 0.7 mm.
Vese un puntiño coma a “cagadela dunha mosca” e é posible que vexamos manchas solares “máis grandes”.
2 fotos feitas por min do tránsito de Venus o 8 de xuño de 2004:












 Foto gris do solarscope

(a do Sol amarelo e Venus redondiño, foto coa cámara con filtro solar+duplicador+obxectivo)
Aquí debaixo, fotos feitas por min do tránsito de mercurio do 9 de maio do 2016 co solarscope. Vense unhas manchas solares tamén:




Mercurio aquí  arriba









Manchas solares aquí abaixo





¿A que hora?

En Ribeira (para os demais sitios de España pode variar uns segundos). Datos na hora oficial (TU+1): desde as 13h 35min 37 s ata que se poña o sol.
Primeiro contacto (Mercurio tanxente exterior ao Sol): 13h 35min 37s
Segundo contacto (Mercurio tanxente interior ao Sol): 13h 37min 18s
Máximo: 16h 19min 42 s
Ponse o sol, (sobre un horizonte chan), ás 18h 12 min 43s (é normal que 15 ou 20 min antes se poña detrás do monte).
Se queres velo, comeza a planificar a observación. O éxito non está garantido porque dependes do tempo meteorolóxico (no 2003 puiden velo, porque se produciu un claro uns minutos, pero despois nubrouse totalmente, no 2016 só se puido ver durante uns 15 min, por estar anubrado).

Opcións para ver o tránsito de mercurio:

Solarscope educativo (recomendado, porque a imaxe do sol é de 115mm e non hai perigo de queimarse)
Telescopio+filtro solar (sen “buscador” e o filtro debería ir sobre o “obxectivo”)
Telescopio+pantalla de proxección (sen “buscador” e coidadiño co efecto lupa do telescopio)

Que o bo tempo vos acompañe!

venres, 2 de agosto de 2019

O ceu de agosto de 2019

Efemérides agosto 2019

  •  1 de agosto: Lúa nova
  • 10 de agosto: conxunción Lúa-Xupiter
  • 10 de agosto: Máxima separación angular de Mercurio respecto do Sol (visto desde a Terra). Tentar velo antes da saída do sol ao nordeste.
  • do 11 ao12 de agosto: conxunción Lúa-Saturno
  • Noite do 12 ao 13 de agosto: máximo choiva de estrela das Perseidas. Lúa iluminada ao 89%. Tentar velo cando a Lúa estea baixa sobre o horizonte.
  • 14 de agosto: Venus en conxunción superior (pasa, en perspectiva, case por detrás do Sol).
  • 15 de agosto: Lúa chea.
  • 30 de agosto: Lúa nova e Lúa no perixeo a 357200Km (mareas vivas)
 Xúpiter e Saturno serán visibles a simple vista desde que se pon o Sol ata ben pasada a media noite.
Marte aparentemente pertiño do Sol ao solpor, dificilmente observable a simple vista.


 Para saber máis, podes consultar o seguinte link:
http://oal.ul.pt/o-ceu-noturno-de-agosto-em-2019/

(continuará...)

venres, 28 de xuño de 2019

Ceu en xullo 2019

O ceu en xullo de 2019

Efemérides (eventos importantes):

  • (2 de xullo. Eclipse total de lúa non visible en Europa pero si en Chile e Arxentina).
  • 4 de xullo. Conxunción Lúa-Mercurio.
  • 4 de xullo. Terra no Afelio (estamos máis afastados do Sol) a 1.0168 UA
  • 5 de xullo. Lúa no perixeo (máis perto da Terra ) a 363700Km
  • 6 de xullo. Conxunción Marte-Mercurio (vense separados 4 graos)
  • 9 de xullo. Saturno en oposición (Sol-Terra-Saturno en fila)
  • 13 de xullo. Lúa e Xúpiter en conxunción.
  • 16 de xullo. Lúa e Saturno en conxunción
  • 16 de xullo. Eclipse parcial de Lúa:
    • A Lúa nace ás 22:12h xa parcialmente eclipsada
    • Máximo da eclipse ás 23:30h
    • Fin da parcialidade: 0:59h
    • Fin da eclipse: 2:17h
  •  Do 28 ao 30 de xullo. Hai tres pequenas choivas de estrelas: Piscis Austrínidas (TZH=5), Delta Acuáridas sur (THZ=16) e Alfa Capricórnidas (TZH=5)

O ceu visible no hemisferio norte xullo 2019

 


luns, 20 de maio de 2019

O ceu de maio -xuño 2019

Efemérides de maio-xuño 2019

Eventos destacados:
  • 20 de maio:conxunción Lúa-Xúpiter
  • 23 de maio: conxunción Lúa-Saturno
  • 1 de xuño: conxunción:Lúa-Venus
  • 5 de xuño:conxunción:Lúa-Marte
  • 8 de xuño: Lúa no perixeo a 368 500km
  • 9 de maio:Lúa coas pleiades
  • 10 de xuño:Xúpiter en oposición (Sol-Terra-Xúpiter en liña)
  • 16 de xuño: conxunción Lúa-Xúpiter
  • 18 de xuño: conxunción Mercurio-Marte
  • 19 de xuño: conxunción Lúa-Saturno
  • 21 de xuño ás 17:54 (hora oficial): Solsticio de verán.
  • 24 de xuño:Mercurio en máxima elongación leste. 25.2º (máxima separación angular aparente do Sol e visible despois do solpor ao noroeste).

Para máis información:



luns, 1 de abril de 2019

Abril 2019

Eventos astronómicos para este mes de abril

Podes consultar neste link, a previsión do Observatório Astronómico de Lisboa
http://oal.ul.pt/o-ceu-noturno-de-abril-em-2019/

A segunda semana do mes, os 5 planetas visibles a simple vista estarán no ceu: Mercurio, Venus, Saturno e Xúpiter pola mañanciña antes da saída do Sol e Marte á noitiña.

A mediados de mes, o valor da ecuación do tempo será "cero" é dicir os reloxos de sol marcarán o mediodía segundo correspondería ao "sol medio". O mediodía en Aguiño (Ribeira) será ás 14:36min segundo corresponde co meridiano 9⁰W.

Efemérides para este mes de abril:
  • 1 de abril. Apoxeo lunar (Lúa a 405600km da Terra).
  • 2 abril. Conxunción Lúa-Venus.
  • 3 abril. Conxunción Lúa-Mercurio.
  • 5 abril. Lúa nova.
  • 9 abril. Conxunción Lúa-Marte.
  • 11 de abril. Mercurio ten a máxima separación angular do Sol. Visible pola mañanciña.
  • 13 de abril. Conxunción da Lúa co cúmulo do Pesebre (en cancer).
  • 15 de abril. Conxunción Marte-Aldebarán.
  • 16 de abril. Pola mañanciña conxunción Mercurio-Venus.
  • 17 de abril. Lúa no perixeo. Lúa a 364200 da Terra.
  • 19 de abril: Lúa chea.
  • 23 de abril. Choiva de estrelas as Líridas (THZ de 20)
  • 23 de abril. Conxunción Lúa-Xúpiter.
  • 25 de abril. Conxunción Lúa-Saturno.
  • 28 de abril. Lúa no apoxeo. Lúa a 404600Km da Terra.

Se queres que che conten o máis importante que ocorre este mes de abril, mira o seguinte vídeo:


Efemerides de marzo 2020

Efemerides resumidas para marzo de 2020 SuperLúa do 9 ao 10 de marzo: Lúa chea o 9 ás 18:48 e mínima distancia á Terra, 357100Km o 10 ...